×
O Prólogo




Queridos rapaces e rapazas:

Van aquí para vós trinta e cinco contos populares doutros tantos países. Chamarémoslles “contos populares” a esas historias, case sempre divertidas e, dende logo, novidosas, que andan de boca en boca para entreterse e pasalo ben entre os habitantes dos diferentes lugares de onde veñen. Vosos avós andaban niso. Quero dicir que nas horas de lecer pasábanno ben contando ou escoitando contos. Nas aldeas, cando aínda non había luz eléctrica e, polo tanto, tampouco radio nin televisión, era costume contar e contar, sobre todo nas noites de inverno, na lareira, mentres a xente se quentaba darredor do lume, antes de ir á cama. Había contos de animais, de meigas, do entroido, de aparecidos, de curandeiras, de soldados e de emigrantes que volvían de América.

Cada pobo ten as súas tradicións, e a súa filosofía popular. Coplas, lendas, refráns, contos, alcumes. En maior ou menor volume esto ocorre en todas as culturas e latitudes. No mundo enteiro. Este libro conten unha recolleita que corresponde ós cinco continentes (Europa, Asia, África, América e Oceanía). Trátase de contos de tradición oral, contados de pais a fillos, algúns ó longo de moitas xeracións. Moito máis fácil sería facer unha antoloxía con narracións de autor, co nome do escritor correspondente. Pero nesta ocasión non se trata diso. Sen que haxa nestas narracións, como ocorre en moitas fábulas casteláns, unha moraleja ou sentenza, hai en todas elas unha ensinanza que se desprende de cada historia

Sería un algo tedioso contar como fun reunindo estes contos. Só direi que comecei o acopio dos mesmos en Buenos Aires en 1960 e remateino na Habana en 1966. Mandeillos a Isaac Díaz Pardo para Ediciós do Castro, que publicou unhas nove ou dez edicións sucesivas, a partir de 1983. Agora, algo aumentados, ven a luz na Editorial Bolanda.

Quero destacar os fermosos debuxos que ilustran estes textos. Debuxos que nos chegan da man de Antía Barba Mariño, veterana artista galega, cunha importante traxectoria profesional.


Unha aperta fraterna



Xosé Neira vilas
Novembro 2015