Xosé Neira Vilas
(Gres, Vila de Cruces, 1928 - Gres, Vila de Cruces, 2015) Foi membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana e Fillo Predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entre outros galardóns recibiu a Medalla de Ouro de Galicia, o Premio Otero Pedrayo, a Medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio Ramón Piñeiro, e os Premios da Crítica Española (novela) e da Crítica Galega (ensaio). É un dos escritores clásicos da literatura galega.
Autor de Memorias dun neno labrego, a novela máis traducida e máis vendida da literatura galega. Residiu 43 anos en América, primeiro en Buenos Aires, de 1949 a 1961 (onde creou, coa súa muller Anisia Miranda, “Follas Novas”, editorial e distribuidora do libro galego); e de 1961 a 1992 na Habana, cidade na que funda a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante 22 anos.
A súa extensa obra publicada abrangue poesía, prosa narrativa, crónica, investigación, literatura infantil e foi autor de decenas de cancións galegas, publicadas en forma de libro-disco. Deu a coñecer o seu primeiro libro en 1960 e dende entón publicou máis de 50 títulos. Escribiu, coa vocación e a paixón de sempre, máis alá dos 87 anos, co espírito dun “xornaleiro da palabra”, sempre e unicamente en lingua galega e sobre temas galegos, o que para el representou un fermoso deber que asumiu toda a vida.