Maui, o portador do fogo




Hai terras que mergullan das augas e terras que están cubertas por elas. Foi o heroe Maui quen elevou a Te-ika-a-maui, é dicir, Nova Zelanda, ata a superficie do mar, deixándoa onde agora se atopa. Foi Maui quen inventou o dente do arpón. Foi Maui quen arranxou a trampa do cesto para coller anguías. Foi Maui quen creou o papaventos. Foi Maui quen lle ensinou ó home como facer o fogo. E Maui foi quen fixou a duración do día para que o home cumprise o seu traballo. Moitas, moitas cousas fixo Maui para ben do seu pobo.
Cando naceu, Maui era pequerrecho e contrafeito, e súa nai deixouno no deserto, á beira do mar. Pero os deuses mariños coidárono, e Tama-nui-ki-te-rangi, seu bisavó, ensinoulle moitas sabedorías. Así, pois, cando Maui medrou, volveu á terra na procura da súa familia. Ó chegar atopou a seus irmáns xogando cos arpóns. Eles, ó velo entangarañado, ríronselle na cara. Pero o neno explicoulles que era Maui, seu irmán máis novo. Non fiaron del, nin tampouco súa nai, quen lle dixo: [...]