Facebook
Twitter
Google +
A bolsa de veleno da iguana
Hai moitísimo tempo, cando a terra aínda era nova, os animais eran moi distintos do que son agora. Naquela época remota Ooiu-bu-lui, a serpe negra, non tiña veleno, pero en troques tíñao Mungoon-gali, a gran iguana.
Dise que Mungoon-gali era daquela maior do que é hoxe e que era o terror das xentes do país. Andaba por aquí e por alá matando a treu coa súa dentada velenosa. Todos lle tiñan medo.
Tan amoladas estaban por esta situación as tribos de animais, que por fin celebraron unha xuntanza para decidir que podía facerse para impedir que a iguana seguise matando seres humanos. Falouse moito e propúxose isto e aquilo, sen que se chegase a un acordo para salvar a seus irmáns, os homes, de Mungoon-gali. Estaba xa na desfeita a xuntanza cando chegou Ooiu-bu-lui, a serpe negra, e preguntou de que se trataba [...]