A fuxida do pintor Li




Velaquí a pavera historia de Li-Chenjao, o pintor chinés que, en tempos ben afastados, fuxiu do palacio imperial sen que endexamais se volvese a saber del.
Li naceu nunha bisbarra húmida e verde. A súa vida de neno tiña sido leda entre camposas e brancas árbores florecidas. A aldea, a súa doce aldea, os seus vellos pais labregos, o río nidio que cobregueaba entre canavais de bambú!… Aquilo era todo o seu lecer e toda a súa vida. Ata durmindo sorría mentres soñaba co seu lugar de nacemento.
Desde moi pequecho debuxaba os peixes e os paxaros nas pedras lavadas do río, e as ovellas e as pécoras nas táboas das cortes. O carbón era un lapis máxico nas súas manciñas de neno [...]