Como a araña pakaiana enmagreceu a súa cintura




Hai moitísimos anos había dúas aldeas veciñas chamadas Kemoxav e Momoxav, que estaban fachendosas polas grandes festas que celebraban unha vez ó ano. As festividades de Kemoxav tiñan lugar ó mesmo tempo que as de Momoxav. Dos arredores, algunhas persoas ían a unha das aldeas á celebración e outras ían á outra. E foi así como xurdiu unha forte rivalidade entre Momoxav e Kemoxav. Cada aldea procuraba estar por riba da outra no lucimento das súas festas. O último día de tales festexos había un grande albaroque e invitábase ós festeiros que comesen canto se lles antollase.
Pakaiana, a araña, era moi larpeira. Tiña fame arreo. Comía canto atopaba, e nunca comía tanto coma nas festas anuais de Kemoxav e Momoxav. Pero despois de encherse de comida, seguía sentindo fame [...]